xoves, 5 de xuño de 2014

Falta moito por contar

Durante a maratón celebrada o día 23 puidemos escoitar como todo o alumnado que quixo compartiu cos seus compañeiros e compañeiras a historia de Pippi. Quixemos que todo o mundo se enterara, e por iso nos chamaron de Radio Nordés, para preguntar o que estabamos facendo. Aquí tedes a entrevista que lle fixeron a Isa en vivo e en directo.

martes, 22 de abril de 2014

Maratón de Lectura


Xa está todo listo para a Maratón de Lectura de "Pippi Calzaslargas". Se queres consultar a túa quenda de lectura ou de escoita, usa esta táboa.

luns, 21 de abril de 2014

As Pippis de 3º A

Despois de escoitar a descrición de Pippi, o alumnado de 3º A animouse a debuxar a Pippi. Aquí temos as súas ilustracións:

domingo, 6 de abril de 2014

Como naceu Pippi?

Con frecuencia, como vimos na "Carta aos nenos do mundo" publicada o 2 de abril, preguntámonos de onde saen as historias. O personaxe de Pippi xurdiu porque a filliña de Astrid Lindgren se puxo moi enferma un inverno, e pediulle un conto á súa nai. Así que Astrid inventou unha historia sobre unha nena moi fantasiosa, que vivía coas súas mascotas nunha casa moi especial. Lembrades como se chamaban as mascotas de Pippi?
Así é como imaxinaron a Pippi na serie de televisión. Pero se cadra lendo o libro, podemos comprobar que hai algunhas diferencias. Como debuxarías ti a Pippi? Le o comezo do libro e fai a túa propia ilustración.

A autora


A autora de Pippi Langstrump chamábase Astrid Lindgren. Esta muller naceu nunha pequena vila no sur de Suecia. Criouse nunha familia de granxeiros e tivo unha infancia moi feliz. Podes consultar máis datos da súa vida na wikipedia, ou botarlle unha ollada á súa páxina web oficial. Para os que xa sabedes ler mellor e vos interese saber máis, podedes consultar este dossier sobre a autora elaborado pola Fundación Germán Sánchez Rupérez. Cando reúnas todos os datos, podes compoñer o seu carné de identidade.

Os nomes de Pippi

Fonte: Wikimedia Commons

Pippi é un dos personaxes máis famosos da literatura infantil do século XX. A obra foi traducida a máis de 70 linguas do mundo. Fíxate neste cartel, onde aparecen os nomes de Pippi en varias linguas. 

Cal podería ser o nome de Pippi en galego?